CRTVG

Buscar

A última borrasca volveu causar inundacións na aldea do Viso, en Santiago

Publicado o 07/03/2019 14:09

Os veciños do barrio do Viso, na parroquia de Sar, viven pendentes do ceo. Cada vez que chove máis do normal a súa vida vese condicionada polas riadas procedentes deste regato polo que baixan as augas pluviais da Cidade da Cultura. A falta de canalización fai que desemboquen no alto da rúa Ameneiral provocando asolagamentos. O último esta mesma semana.

"Este martes coma sempre, como leva pasando moito tempo. En canto chove un pouquiño aquí, vén a auga por aquí abaixo e está toda a riada por aquí, baixa por toda a pista e non podemos pasar. Eu son o máis prexudicado aquí, que non podo saír da casa, teño que saír cunhas botas de auga, que non hai maneira. Viñeron varias veces aquí mirar pero non solucionaron nada".

"Cincuenta centímetros así pola pista que non é unha borma, estamos aquí coma se estivésemos no deserto", din os veciños.

Cren os veciños que a solución pasa por unha canalización que recolla o gran volume de auga que baixa polo regato, e tamén pola limpeza do lodo arrastrado pola forza coa que baixa a auga.

"Aquí téñeno moi fácil de facer. Poñer unha tubaxe por aquí abaixo sen tocar a pista, nada máis cruzala alí un pouquiño e metela cara ás leiras para o río. Son 200 metros, que non é tanto, para meter unha tubaxe para recoller esta auga". "Levantar uns tubos aquí, meter os tubos por debaixo e que saíse a auga por alí abaixo sería unha das solucións", din os veciños.

Cada vez que chove son varias as vivendas que se asolagan a causa das riadas e chegar á casa convértese en todo un reto. 

"A un veciño de alí abaixo si parece que lle entrou polo portal para abaixo. Claro, baixa por aí abaixo toda e xa lle digo eu teño medo de saír co meu coche. Para abaixo aínda, pero para arriba chocas coa auga e podes quedar atrancado. Incluso un veciño quedou un día atrancado". "Tes que ir moi amodiño porque se non a auga que levanta 50 centímetros pola pista sóbeche para o motor do coche", aseguran os veciños.

Piden que o Concello e Viaqua, concesionaria do servizo de augas, tomen medidas urxentes para evitar novas inundacións.

Noticias web

07/03/2019