CRTVG

Buscar

A UE apoia a política migratoria de Mitsotakis e pide responsabiliade a Turquía

Publicado o 05/03/2020 09:04

Putin e Erdogan reúnense hoxe en Moscova para tentar frear a escalada bélica que enfronta as tropas turcas cos soldados de Bachar Al Assad e que están a xerar un novo éxodo masivo da poboación Siria cara a Europa. Onte mesmo, a Unión Europea pechaba filas co goberno do grego Mitsotakis e súa política de man dura coa inmigración ilegal. Europa pídelle a Turquía que cumpra a súa parte do acordo. 

Turquía desenténdese, e Grecia négase a recoñecer o dereito de asilo dos refuxiados despois de suspender o domingo pasado a convención de Xenebra, durante un mes, para sorpresa de ONG e de organismos humanitarios. Os migrantes que escapan da guerra de Siria pasan así a súa cuarta noite ao raso, emparedados entre dúas fronteiras, acarón cun campo de refuxiados saturado onde hai persoas que levan máis dun ano esperando por unha decisión política sobre o seu futuro. Denuncian uso de gases lacrimóxenos, agresións das gardas costeiras e policías de ambos os países; mentres, Atenas e Ankara acúsanse de difudir noticias falsas sobre agresións aos migrantes.

Rodeados de manifestantes que pedían respecto aos dereitos humanos, os ministros de Interior da Unión Europea pecharon onte filas co Goberno grego e a súa política de man dura coa inmigración ilegal, na busca dun acordo dos 27 que faga posible vencer as reticencias de Austria, Hungría e Polonia. Ao tempo, unha delegación europea viaxaba a Ankara para pedir a Erdogan que cumpra cos seus compromisos de contención das migracións. Criticaron as súas accións unilaterais e pedíronlle non poñer vidas humanas en risco.

Hoxe, o presidente turco viaxaba a Moscova coa intención de departir con Vladimir Putin sobre a fórmula para frear a escalada bélica en Iblid.

Noticias web

05/03/2020