CRTVG

Buscar

A UE premia a Pontevedra pola seguridade viaria

Publicado o 19/05/2020 15:18

Eran case trinta candidatas de todo o continente. Quedaron tres finalistas. unha turca, unha polaca e unha galega. Finalmente, a Comisión Europea concedeulle o premio á galega.

"The winner of the Urban Road Safety Award is... Pontevedra, from Spain!".
"Para Pontevedra é un orgullo moi grande, e demostra que cando os galegos e os pontevedreses queremos facer as cousas, sabemos facelas, e somos un referente internacional".

A Comisión Europea declarouse "impresionada" pola redución da velocidade a 10 e a 30 por hora en Pontevedra e pola seguridade gañada nas súas vías urbanas.

"Pasamos de ter 30 mortos por década a ter cero mortos na última década".

Cero mortos por atropelo durante anos nunha cidade en que a gran maioría dos nenos vai andando á escola.

"Nós estamos desenvolvendo un modelo de cidade integral pensada para as persoas. O espazo público debe ser para as persoas, e o tráfico debe ser compatible".

Este modelo de cidade leva máis de 20 anos en marcha. Falamos cos que a percorren.

"Pontevedra é un puebliño atractivo, bo para andar".
"Como cidade, das de Galicia penso que esta é a máis cómoda de todas".
"Pero hai cousas máis importantes en Pontevedra que iso da circulación e ese urbanismo, que eu vexo un pouco esaxerado".

Di a Unión Europea que estes premios pretenden servir de inspiración para conseguirmos cidades máis limpas, seguras e sustentables.

Noticias web

19/05/2020