A UE busca coordinarse para facer fronte á epidemia
Do coronavirus están falando en Bruxelas os ministros de Sanidade da Unión Europea.
En Europa hai rexistrados máis de 5.500 casos. O país máis afectado polo momento segue a ser Italia, con máis de 3.800 persoas contaxiadas. Nos últimos días aumentaron as medidas de contención no país e pecháronse colexios e universidades ata o 15 de marzo. Solicitaron apoio para material de protección como máscaras persoais.
Detectouse xa un caso no Vaticano e estúdanse medidas especiais nos actos do Papa. Francia é o segundo páis con máis casos de Europa. Alí tamén hai xa unhas 150 escolas pechadas e agárdase que nas próximas semanas a situación da crise pase á fase tres, a que se define pola circulación do virus, e en que se poderían tomar decisións máis restritivas para frear o contaxio.
Este venres, os ministros de Sanidade europeos reuníronse en Bruxelas para reforzar a coordinación entre estados.
Despois de Italia e Francia, Alemaña é o terceiro país que contabiliza máis casos, supera os 400, e onde se sospeita que apareceu o primeiro infectado de Europa.