CRTVG

Buscar

A UE aproba o fondo comunitario para financiar os ERTE

Publicado o 19/05/2020 18:54

Os ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea (UE) deron este martes novos pasos na súa resposta á pandemia do coronavirus coa aprobación formal do programa para custear os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), á vez que debateron sobre a recuperación tras a crise.

Nunha videoconferencia, os titulares económicos dos Vinte e Sete aprobaron de maneira definitiva o fondo temporal contra o paro SURE, que terá ata 100.000 millóns de euros para conceder créditos en condicións favorables aos estados e que, dese modo, poidan sufragar os seus ERTE.

Por tanto, os países que o desexen poderán solicitar o apoio financeiro da UE para financiar os incrementos "repentinos e severos" do gasto público rexistrados desde o pasado 1 de febreiro e vinculados aos expedientes de regulación temporal de emprego ou a medidas similares de apoio a autónomos.

Para que SURE entre en funcionamento, o conxunto dos Estados membros deberá achegar antes un total de 25.000 millóns de euros en garantías, para o que algúns necesitan o visto e prace dos seus parlamentos nacionais. A achega de cada país será proporcional ao peso que representa na renda nacional bruta de toda a UE.

Unha vez concedidas as garantías dos estados, a Comisión recadará os fondos nos mercados de capital internacionais a través da emisión de débeda.

En principio, a ferramenta estará dispoñible ata o 31 de decembro de 2022, aínda que, a proposta da Comisión, os países poden aprobar prórrogas de seis meses se persisten os problemas económicos derivados da pandemia.

A pesar de contar cun total de 100.000 millóns de euros, fíxase como límite que os tres países que máis fondos reciban non obteñan máis de 60.000 millóns entre os tres.

"Aínda que todos os estados membros poderán facer uso do instrumento, SURE actuará como unha rede de seguridade particularmente importante para os traballadores nas economías golpeadas con máis dureza", sinalou nun comunicado o Consello da UE, que representa os países.

A vicepresidenta económica, Nadia Calviño, xa adiantou a semana pasada que España ten previsto solicitar os préstamos desta ferramenta.