CRTVG

Buscar

A UDEF: unha vintena de empresas nutriron a caixa B do PP para lograr favores

Publicado o 11/09/2020 17:53
A UDEF: unha vintena de empresas nutriron a caixa B do PP para lograr favores

A Audiencia Nacional reactiva a causa do presunto financiamento ilegal do PP, coñecida como a dos papeis de Bárcenas. Abre dilixencias sobre tres contratos adxudicados por administracións controladas polo PP a empresas que tamén facían doazóns ao partido. O xuíz instrutor afirma que "existe unha correlación obxectiva, subxectiva e temporal" entre as entregas de cartos que os empresarios facían ao PP e os contratos públicos que recibían.

Bárcenas, que daquela era tesoureiro do PP, era o que recibía os pagamentos e os anotaba na caixa B do partido.

Un informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía (UDEF) detalla que unha vintena de empresas, entre elas Mercadona, OHL ou FCC, fixeron doazóns á caixa B do PP en distintos períodos electorais para sufragar as súas campañas a cambio de adxudicacións públicas.

Nun informe policial, de decembro de 2019, achegado ao sumario que investiga o xuíz José de la Mata na Audiencia Nacional sobre a presunta contabilidade opaca do PP, a UDEF observa que estas empresas fixeron doazóns á caixa B do PP coincidindo con campañas electorais. Así, Mercadona fixo dúas entregas por un total de 240.000 euros en 2004 e 2008, anos en que se celebraron eleccións xerais, así como á Xunta de Andalucía e ao Parlamento europeo.

FCC, pola súa banda, fixo tres entregas en 2001 e 2008 por un total de 195.000 euros, tamén en época electoral, do mesmo xeito que a construtora OHL, cando a presidía Juan Miguel Villar Mir, que fixo tres doazóns en 2004, 2006 e 2008, por un importe de 530.000 euros.

Estes datos constan nun informe que foi incorporado á causa sobre a caixa B do PP tras a súa reapertura en febreiro de 2017, por mor da revelacións do líder de Gürtel Francisco Correa no xuízo á trama e que agora se coñeceu ao levantarse o segredo das actuacións. Nese informe, a Policía analiza, entre outras, a documentación procedente dos casos Púnica e Lezo, en que se investigan operacións irregulares de exresponsables do PP en Madrid, así como da peza Kitchen do caso Villarejo, referida á espionaxe á que foi sometido o extesoureiro Luis Bárcenas por orde do Ministerio do Interior en 2013 estando á fronte Jorge Fernández Díaz, ao que a Fiscalía pediu imputar por estes feitos.

Do caso Púnica, consta unha reveladora conversación do expresidente da empresa Degremont, Rafael Palencia, co exxerente do Canal de Isabel II Ildefonso de Miguel, imputado en Lezo xunto ao expresidente madrileño Ignacio González, que corroboraría a dinámica das doazóns á caixa B do PP a cambio de obter beneficio por parte das administracións gobernadas polo partido.

Trátase dunha conversa que, segundo a investigación, produciuse en outubro de 2008 e foi gravada polo propio De Miguel para poder extorsionar con ela o expresidente Mariano Rajoy. A UDEF cre que Palencia concertou esa cita a través de Bárcenas, porque De Miguel tiña capacidade de influencia sobre as adxudicacións, xa que foi o xerente da entidade pública Canal de Isabel II S. A. entre decembro de 2003 e xullo de 2009.

Durante o encontro, o empresario manifestou que colaborou co partido e admitiu "abertamente a existencia de doazóns ao mesmo" cunha frecuencia "periódica" por uns 35.000 euros, que entregaba nun sobre a Bárcenas ou ao seu antecesor na Tesourería, Álvaro Lapuerta, xa falecido.

A UDEF lembra que Bárcenas negou que esas entregas de diñeiro tivesen un obxectivo "finalista" (obtención dun beneficio), aínda que mencionou un concepto que denominou "facer unha xestión", mentres que Palencia define o seu obxectivo claramente na conversación de De Miguel: "O que quero é gañar a obra", dixo en referencia a facerse coa adxudicación dunha obra do Canal de Isabel II. "Por tanto, a relación que menciona Rafael Palencia con Luís Bárcenas e Álvaro Lapuerta inscribíase no marco de colaborar economicamente coa formación política, ao obxecto de que estes lle axuden a contactar coas persoas que lle poden adxudicar o contrato", conclúe a Policía.

A isto, engade que tanto Bárcenas como este empresario declararon que durante as campañas electorais "a propensión para efectuar unha entrega á formación política incrementábase polo seu coñecemento de que nese período o partido aumentaba o seu gasto por encima do financiamento público", entregas, di a UDEF, que facían empresarios para seguir véndose favorecidos.

Entre 1998 e 2008, Palencia, e despois o seu sucesor á fronte de Degremont, Ángel Salado, entregaron en efectivo ao PP un total de 164.000 euros, mentres que a empresa conseguiu entre 2001 e 2008 a adxudicación de 4 obras públicas en Madrid. De todo iso, a Policía infire que o carácter destas doazóns que nutrían a caixa B do PP "era manter unhas boas relacións co Partido Popular a nivel central, co fin de que desde ese órgano directivo se lles puidese facilitar os contactos con cargos públicos de Administracións públicas gobernadas polo Partido Popular", como "punto de contacto con quen tiña a capacidade de decisión en materia de contratación pública".

Ademais destas doazóns, o informe recolle as que realizaron outras vinte empresas ou empresarios, a maior parte coincidente con períodos electorais,: Aldesa, Asedes, Assignia-Hispánica, Azvi, Bruesa, Copasa, Cyopsa- Sisocia, Copisa, FCC, Ignacio Ugarteche, José Antonio Romero Polo, José Luis Moreno, Luís Gálvez, Pilar Puído, Mercadona, Licuas y Desprosa, Obrascón Huarte, Construcións Rubau, Grupo Sacyr, e Grupo Empresarial Sando.

Por mor deste informe, o xuíz do caso Bárcenas, José de la Mata, acordou no mes de abril unha serie de dilixencias encamiñadas a solicitar documentación sobre as adxudicación dunha serie de obras públicas a Degremont vinculadas ao Canal de Isabel II, e doutras obras realizadas en municipios madrileños nos que gobernaba o PP e que se adxudicaron a empresas que realizaban doazóns, como Construtora Hispánica, Licuas ou Coarsa, nas localidades madrileñas de Boadilla del Monte e Majadahonda.

Noticias web

11/09/2020