CRTVG

Buscar

A tronada estraga instalacións eléctricas en varias vivendas de Muros

Publicado o 09/04/2019 14:07

A tronada que descargou onte pola tarde na zona de Muros desfixo a instalación eléctrica dunha vivenda sobre a que descargou un raio. Pero non foi a única casa afectada no núcleo de Serres. En varias vivendas estragáronse os electrodomésticos.

Persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Muros tivo que acudir a un incendio causado por un raio nesta vivenda de Serres de Arriba. A intervención durou media hora, o tempo que lles levou apagar cun extintor o lume no cadro eléctrico e comprobar o resto da instalación.

Manuel Lago, GES de Muros: "O raio entrou por un farol que está pegado á casa. É un farol antigo de ferro que atraeu o raio e toda a enerxía do raio entrou na casa. Rebentou toda a instalación eléctrica e o contador de fóra".

Ademais de danar toda a instalación eléctrica, a descarga estragou o forno. Tamén rompeu parte do tellado. O susto foi enorme pero ningunha das tres persoas que estaban na vivenda saíu ferida.

Manuel Lago, GES de Muros: "A tormenta foi bastante gorda. A verdade é que aquí non adoita causar estragos, pero cadrou así".

Noutras casas do lugar, a descarga eléctrica estragou teléfonos, televisores e cociñas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/04/2019