CRTVG

Buscar

A seguridade da Madroa impide que uns 20 seareiros falen cos capitáns

Publicado o 15/01/2019 21:48

Un grupo de afeccionados presentouse hoxe no adestramento do equipo coa intención de manifestar o seu malestar polos resultados das últimas xornada. Buscaban explicacións sobre a mala dinámica do equipo, ao que lle recriminan falta de actitude. Ao parecer, solicitaron ser recibidos polos capitáns pero a súa petición non foi atendida. A diferenza de onte, o Celta adestrouse este martes a porta pechada. Tres derrotas consecutivas deixan os de Cardoso a dous puntos do descenso. 

Hugo Mallo: "Non teño nada que dicirlles. Ao final toca falar no campo. Aquí queda bonito que conte unha película, pero se logo no campo non cumpro co que diga aquí, non vale nada. Sei que viñeron algúns, non sei se para falar cos capitáns. Estasmo dicindo ti. Non é falta de actitude".

Hugo Mallo di que os fallos individuais abocan o Celta a lidar cunha situación que non esperaban ao principio da temporada. Os afeccionados que visitaron A Madroa si lles pediron unha mellor actitude. Mallo cre que unha vitoria o sábado ante o Valencia non só servirá como revulsivo para os xogadores.

Hugo Mallo: "Non hai que enganarse: estamos a dous puntos do descenso, pero tamén estamos a tres do oitavo. Unha vitoria pode cambiar a forma de pensar de moitos e iso é traballo noso. Temos que saír o sábado coma se fose unha final".

O capitán do Celta é consciente de que un dos males do equipo é que non están acertados á hora de ler as xogadas e tomar decisións. O regreso das vitorias pasa por mellorar na defensa, pero prefire non facer promesas.

Hugo Mallo: "Nós queremos que a afección nos apoie. Somos máis fortes coa nosa xente. Agora mesmo non é o momento de prometerlle nada á xente. Temos a oportunidade o sábado de darlle feitos á xente, á nosa afección".

Hugo Mallo cre que a baixa de Iago Aspas non debe ser unha escusa e mesmo a considera como unha oportunidade para outros compañeiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/01/2019