CRTVG

Buscar

Centos de devotos acoden á Romaría da Virxe do Corpiño en Lalín

Publicado o 24/06/2019 14:28

Centos de devotos de distintas partes do país acoden hoxe é a Romaría da Virxe do Corpiño. É o día grande arredor dese santuario situado preto de Lalín.

Numerosas persoas achéganse este luns ao lugar lalinense de Santa Eulalia de Losón con motivo da Romaría do Corpiño. Misas durante toda a mañá e a procesión da Virxe marcaron a actividade en toda a contorna do santuario.

"Vén moita xente porque están enfermas. Ofrécense aquí e algunha sanda", explica un devoto.

"Veño cunha excursión de veciños de Xestosa e veño moi contenta. Co meu marido xa vin máis veces".

"Eu non estou ofrecida, veño por diversión e agora vou visitar a Virxe", di unha muller. "Vin aquí unha vez, pero non era o día propio".

"Vimos de excursión e aproveitando que en Boiro é día festivo. É a primeira vez". "Veño por tradición, viñan meus pais e agora vimos nos".

"Este ano vin en luns porque como estamos xubilados os días dan para estas cousas. A miña muller está ofrecida e teño que traela". 

"Procuro vir todos os anos. Veño coa miña nai, porque é unha tradición na nosa casa desde que eu son pequena. Procuramos non faltar ano tras ano".

Son as frases que nos deixa unha mañá entre os romeiros deste Corpiño.

O día grande completa máis dunha semana de actos relixiosos aos que, segundo o reitor, acudiron numerosas persoas.

"Veu moitísima xente á novena, principalmente polas tardes. Onte, domingo, tivemos tamén moitísima xente, celebramos o Corpus e por iso non puido saír onte a procesión coa imaxe da Virxe".

Durante todo o día continúa o ambiente festeiro e a celebración relixiosa. Para o domingo que vén está previsto o segundo día da romería para quen non puidese participar hoxe luns ou queira repetir.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019