CRTVG

Buscar

A Rioxa, terceira comunidade en número de contaxios, por detrás de Madrid e Cataluña

Publicado o 26/08/2020 20:41

Os contaxios por coronavirus confirmados mediante PCR sitúanse en preto de 42.500. Madrid rexistra un terzo do total, máis de 14.000, mentres Cataluña acapara máis de 6.000. Seguen sendo as dúas comunidades que máis preocupan a Sanidade, xunto A Rioxa, que xa supera ao País Vasco como a terceira con máis incidencia do virus na última semana. Desde o Goberno non desbotan un posible estado de alarma por zonas.

Nas últimas 24 horas, Cataluña acumulou 789 novos contaxios confirmados por PCR e 13 falecidos. As autoridades sanitarias ampliaron os cribados masivos ás localidades ilerdenses de La Seu d'Urgell, Alcarras e a barcelonesa de Vic.

En Madrid duplicáronse os positivos nas última xornada, ao pasar duns 600 infectados a case 1.300. Os cribados teñen o seu epicentro nas localidades máis afectadas coma Puente de Vallecas, Usera e Villaverde, onde as autoridades piden saír da casa só para o imprescindible.

A covid-19 segue castigando con dureza ás residencias de maiores en Aragón. Unha de cada catro teñen casos activos nestes momentos, a pesar de estar case blindadas. Segundo datos do Goberno automómico, o virus afecta case 700 residentes e máis de 200 empregados.

En Euskadi suman 700 novos positivos con especial seguimento ao gromo de Gernika. Unha situación que ameaza o acto de toma de posesión do lehendakari vasco previsto para o 5 de setembro nesta mesma localidade biscaíña.


 

Noticias web

26/08/2020