CRTVG

Buscar

A Ribeira Sacra é o escenario do último traballo de Amaral

Publicado o 08/09/2019 16:57

De tan bonita como é, a paisaxe da Ribeira Sacra parece un escenario creado para o último traballo de Amaral, Halconera, unha nova forma de dar a coñecer estas terras que protagonizan un rexurdimento progesivo dende hai anos.

Antonio é o popietario dunha cantina en Doade dende hai catorce anos. El cre que ao apoderamento desta zona contribuíron moitos factores; un deles foi a súa difusión. De feito, a BBC ou The Guardian acaban de publicar reportaxes enxalzando a beleza e o misterio da Ribeira Sacra.
Tamén axudou moitísimo o viño que se produce aquí, plenamente identificado con estes canóns e que é o resultado dun grande esforzo que modifica a paisaxe.

Ramón naceu aquí e lembra que a transformación comezou nos 90. Cre que o libro de Dolores Redondo, Todo esto te daré, gañador do Planeta no 2016 e ambientado nesta zona, tamén supuxo un impulso moi grande.

Luz tamén cre que toda difusión é boa. Prexubilouse e montou unha vivenda turística nunha casa rehabilitada dos seus avós. Foi unha aposta que lle saíu ben. Agora é unha dinamizadora da zona e xa se recuperaron oito casas nesta aldea de Doade.

Malia a chegada de turistas, queren que esta tranquilidade que os diferencia continúe, non queren morrer de éxito e seguen apostando por ser patrimonio da humanidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/09/2019