CRTVG

Buscar

A residencia do Incio reorganízase, coa maioría dos anciáns asintomáticos

Publicado o 27/08/2020 14:35

A residencia do Incio reorganízase e habilitou os salóns do primeiro andar para acoller os anciáns con covid. A capacidade actual nesta planta é para uns 90 pacientes, polo que, de momento, descartan o traslado dos residentes a outros centros.

Tamén reforzaron o persoal cuns 15 traballadores. Un equipo médico do Sergas acode a diario para vixiar o estado de saúde dos internos. Once deles están ingresados no hospital.

"A situación é difícil, pero estamos fortes, estamos loitando para saír, facer o que faga falta para sacar os nosos maiores adiante. Unha gran maioría son asintomáticos, están tranquilos, ben, rodeados de xente que os quere, informamos as familias a diario", dinos Mariló Felices, directora da residencia do Incio. 

Para comprobar o alcance da transmision do virus, Sanidade fará un cribado entre a poboación do concello. Moitos veciños xa están en corentena pola súa vinculación coa residencia. Entre estes casos detectáronse seis contaxios.

"Hai preocupación porque non se sabe quen o vai ter e quen non, e como é tan contaxioso", dinnos na rúa. "Procuro estar afastada da xente, lavar as mans, pero do resto non teño medo", cóntanos outra veciña.

En Monforte continúa o cribado entre o persoal da hostalaría, sector ao que están vinculados moitos dos contaxiados. Xa se realizaron 150 PCR nas últimas horas. A medida púxose en marcha para detectar posibles casos asintomáticos e acoutar o gromo que se achega aos cen positivos.

Os veciños contan que como hai moitos infectados saen menos e que hai tendas que pecharon porque houbo casos positivos.

O ocio nocturno e as reunións sociais están detrás dos distintos gromos que afectan a provincia. A incidencia da covid-19 medra: hoxe hai 482 casos activos, 41 máis ca onte.

As boas novas son que os casos que se detectan están na súa maioría relacionados cos xa diagnosticados.

"O máis importante é ter a rastrexabilidade do caso, que estea asociado a casos positivos, polo que xa era previsible que ían sair, e nese senso é o que está pasando", explicou o xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña, Ramón Ares.

O gromo de Lugo relacionado cunha festa nun pub ascende a 35 casos. E nas últimas horas notificábase outro foco en Vilalba con 12 positivos. Tamén se rexistraba unha nova vítima mortal, unha muller de 93 anos ingresada no HULA.

Noticias web

27/08/2020