CRTVG

Buscar

Confirmado un segundo positivo na residencia de maiores habilitada en Nigrán

Publicado o 14/04/2020 23:22
Confirmado un segundo positivo na residencia de maiores habilitada en Nigrán

Do total de falecementos en Galicia, 168 están vinculados coas residencias. 87 anciáns morreron nos propios centros e 81 en hospitais ou residencias integradas. Nos xeriátricos hai 917 maiores contaxiados e 418 traballadores. Son os últimos datos facilitados por Sanidade. Hoxe ademais a Consellería de Política Social confirmaba dous casos de coronavirus na residencia de tempo libre de Nigrán.

Este centro a Xunta habilitouno para os anciáns que non estaban contaxiados e que esaban noutras residencias onde había positivos. A Consellería confirma que estes dous anciáns deran negativo nas dúas probas PCR ás que foron sometidos. Agora, tras manifestar síntomas, fixéronlle unha terceira proba e deron positivo. Un foi trasladado á residencia da que viña, a Domus Vi de Vigo e o outro ao hospital.

Xa son dous os residentes do centro de tempo libre de Patos, en Nigrán (Pontevedra), onde foron trasladados 21 usuarios sans procedentes das residencias DomusVi Cangas e Barreiro (Vigo), os que deron positivo por coronavirus, segundo confirmaron fontes da Consellería de Política Social.

A primeira persoa, que en principio fora illada desde que presentou síntomas no propio centro, xa foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro.

O segundo caso positivo é unha muller, tamén procedente da residencia Domus Vi do barrio vigués de Barreiro, será devolta a esta residencia da terceira idade porque o seu estado non require ingreso hospitalario.

Os 21 usuarios do centro de tempo libre de Patos, reconvertido en residencia pola Xunta, foron sometidos antes do seu traslado a tres probas, dúas de PCR e unha de anticorpos, e en todas deron negativo.

As autoridades sanitarias non descartan ningunha hipótese sobre este contaxio nunha contorna en teoría segura, aínda que apuntan á posibilidade de que o período de incubación da enfermidade desta persoa fose máis prolongado do que se considera habitual.

A idea do traslado de residentes ao centro de Patos era salvagardalos da expansión do coronavirus nas residencias DomusVi de Cangas e Barreiro, as dúas primeiras intervidas pola Xunta debido ao elevado número de contaxios nas súas instalacións.

Segundo os últimos datos actualizados, a residencia de Cangas contabiliza 94 contaxios activos entre usuarios e 17 entre traballadores, e a de Barreiro, 65 e 11, respectivamente. A esa cifra hai que engadir os que faleceron, que nos dous casos rozan a vintena.