CRTVG

Buscar

A renuncia dos avogados dos acusados vencellados á trama das Cinco Jotas obriga a suspender o xuízo

Publicado o 24/05/2019 14:31

Catro homes ían ser xulgados esta mañá na Coruña por, entre outros delitos, agredir un matrimonio para cobrar unha débeda dun millón de euros que había entre dúas empresas, na que estaría involucrada a empresa Renovados 5 Jotas. A Fiscalía pide para eles entre 13 e 11 anos de cadea. Porén a vista tivo que suspenderse tras a renuncia dun dos investigados ao seu avogado de oficio.

Estes catro homes están acusados de pertenceren a unha organización criminal logo de, presuntamente, agredir un matrimonio para intentar cobrarlles unha débeda dun millón de euros que había entre dúas empresas. Os feitos remóntanse a xuño de 2014 cando a parella vendeu a súa empresa, con esa carga. Segundo as acusacións, tras varios encontros, nin o propietario actual nin o antigo se fixeron cargo da débeda, porque ambos os dous entendían que lle pertencía ao outro pagala.

Diego Reboredo, avogado da acusación particular: "Houbo unha reclamación desa débeda. primeiro foi coactiva a través de chamadas telefónicas, despois pasaron ás ameazas e despois ás agresións".

Todos estes feitos ían ser xulgados esta mañá. A Fiscalía pide para eles penas que van desde os 13,2 anos de cadea aos once anos. Porén a renuncia dun dos acusados ao seu avogado de oficio obrigou a suspender a vista.

Xoán Antón Pérez Lema, avogado da defensa: "Renunciou. Xa renunciara o 7 de maio cando recibiu a citación e mandou un escrito desde o cárcere da Lama pedindo que fose eu o seu avogado".

Unha nova situación que obrigou tamén a poñer en liberdade un dos dous acusados que estaban na cadea.

Diego Reboredo, avogado da acusación particular: "Só un estaba en preventivo por esta causa e facía os dous anos en prisión a próxima semana...".

Está previsto que o xuízo se celebre o 4 de xullo, ás nove e media da mañá, no Xulgado do Penal número 1 da Coruña.


 

Noticias web

24/05/2019