CRTVG

Buscar

A recente enchente do Tambre na Ponte Maceira causa a caída dun muro

Publicado o 10/01/2020 14:36

En baixando as augas e diminuíndo a forza do caudal do río Tambre, o concello de Negreira ten pensado arranxar o muro de acceso aos muíños na Ponte Maceira que levou por diante a última enchente, días antes do Nadal. As pedras caídas, que apenas cubrían un par de metros do muro, non as arrastrou a auga e permanecen aos pés do burato que deixaron, coa posibilidade de poder recuperalas para volver colocalas no seu sitio.

O rebordamento do río tamén anegou o restaurante e varias casas da beira de Ames. A Xosé, veciño da parte negreiresa da Ponte Maceira, a enchente soprendeuno traballando fóra. Cando chegou, días despois, puido comprobar no pallete que ten na mesma beira do Tambre as marcas que deixara a auga nos muros e mais na leña que alí garda. Di que había anos que non vía subir así a auga, tanto que superou por momentos a porta do seu pombal, uns tres metros por riba do seu caudal habitual.

A Ponte Maceira, xa na lista dos lugares máis bonitos de España, nin co mal tempo deixa de recibir visitantes. E o valado de seguridade que colocou o Concello de Negreira para advertir da caída do muro non os disuade de achegarse ata os muíños que apenas se distinguían o día da enchente, cubertos pola auga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2020