CRTVG

Buscar

A realización de test de antíxenos esténdese a todos os centros de saúde de Galicia

Publicado o 24/11/2020 14:25

Todas as áreas sanitarias de Galicia contan desde finais da semana pasada con lotes de tests de antíxenos para detectar os casos de coronavirus nos centros de saúde, nos puntos de atención continuada e nos consultorios de atención primaria.

Están indicados para casos concretos: pacientes que presenten síntomas nos últimos cinco días como máximo de evolución. Entón é cando o médico de familia programa o test de antíxenos, e "a súa fiabilidade é moi elevada, case similar á da PCR, se se fai neses cinco días, porque é cando hai maior carga viral", segundo explica Ángeles Mera, coordinadora de Enfermería do Centro de Saúde de Ribeira, onde se desenvolveu a pilotaxe deste sistema de detección, desde o pasado 23 de outubro.

O procedemento non varía, será o médico de familia quen solicite a toma desta mostra, que se obtén igual que a PCR.

"A diferenza é que en 15 ou 20 minutos temos o resultado do test", explica Mera, que cre que este sistema é "moi útil á hora de detectar os casos rápido e poder facer un amplo cribado, ao detectar, desde o minuto cero, os posibles contactos.

Na pilotaxe de Ribeira iniciada hai un mes detectáronse 20 positivos en 170 mostras. Na área da Coruña é o centro de saúde de Culleredo o que pilota, desde o 9 de novembro, a realización dos test de antíxenos. Ata agora realizáronse alí 174 probas, cun resultado de 30 positivos, o 17,24 por cento dos casos.

No resto de Galicia, este sistema comeza a implantarse paulatinamente e prevese que estea a pleno rendemento dentro duns 10 días.

Noticias web

24/11/2020

Máis sobre actualidade