CRTVG

Buscar

A primeira gota fría de setembro deixa inundacións en Cataluña e aviso laranxa nas Baleares

Publicado o 07/09/2020 16:41

Complicado circular en coche esta noite en Castelldefels, e difícil facelo a pé. As rúas convertéronse en ríos en varios puntos das comarcas do Baixo Llobregat e o Garraf, as máis afectadas pola entrada da primeira gota fría de setembro.

A intensidade das tormentas desbordou as previsións. Foron trombas de distribución irregular, que superaron no punto máximo os 41 litros de auga por metro cadrado en media hora. No porto de Barcelona foron 35,7 litros.

As incidencias concentráronse sobre todo na rexión metropolitana sur, con 78 dos 113 avisos que atenderon os servizos de emerxencias.

Baixos anegados, coches avariados, problemas de circulación e algún corte temporal de estradas e de vías foron o regueiro de estragos que deixaron estas chuvias torrenciais, que non provocaron danos persoais.

Son os primeiros efectos de Dana, que irrompeu no Mediterráneo, unha masa de aire frío que estenderá a inestabilidade polo menos ata o mércores.

O temporal desprazouse ás Baleares, hoxe en alerta laranxa. Nas últimas horas xa acumularon case cen litros por metro cadrado en puntos do oeste de Mallorca. A auga segue movéndose ao sur, así que se esperan tormentas fortes en Eivisa e Formentera.

Noticias web

07/09/2020