CRTVG

Buscar

A praia de Compostela, en Vilagarcía, estará pechada ao baño toda a fin de semana

Publicado o 19/06/2020 18:20
A praia de Compostela, en Vilagarcía, estará pechada ao baño toda a fin de semana

A principal praia de Vilagarcía, a de Compostela, permanecerá pechada ao baño durante toda a fin de semana, xa que antes do luns non se coñecerán os resultados das análises das novas mostras da auga recollidas.   

O Concello decidiu onte xoves prohibir o baño na praia de Compostela tras recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade informando do resultado da analítica dunha mostra de auga tomada o martes, en que se detecta "unha concentración microbiolóxica superior aos niveis óptimos establecidos na normativa sanitaria".   

Ante esta situación, e á espera de que se coñezan resultados dunha segunda analítica que garanta o perfecto estado das augas para o baño, colocáronse no areal vilagarcián varios carteis informativos que advirten os usuarios da prohibición.   

A Consellería de Sanidade non tomará unha nova mostraxe das augas da praia de Vilagarcía ata a próxima semana e os resultados da analítica aínda tardarán dous días máis en chegar.

Co obxecto de poder dispoñer de datos canto nun menor prazo de tempo, o Concello contactou cun laboratorio certificado independente para contratar a realización dunha analítica con moita brevidade.

"Ao estar polo medio a fin de semana, os resultados non chegarán antes do luns", explican desde o Goberno local. "En todo caso, solicitarase ao laboratorio a maior axilidade posible para coñecer o estado actual das augas para que, de confirmarse que están ben, poder reabrir de novo a zona de baño", engaden.

Praia con bandeira azul

Técnicos do Concello de Vilagarcía iniciaron ademais unha revisión das redes de saneamento e de pluviais para comprobar se se puido producir algunha vertedura por avaría ou por algunha conexión ilegal á rede.

"De detectarse algún destes casos adoptaríanse as medidas oportunas de forma inminente", anuncian desde o Goberno municipal.   

Dáse a circunstancia de que hai pouco máis dunha semana coñeceuse que a praia de Compostela de Vilagarcía recuperaba a bandeira azul tras unha década en que este distintivo non ondeaba no areal vilagarcián.   

Logo de ter noticia da concesión, o Goberno local asegurou que o regreso da bandeira azul á praia de Compostela era "froito dos investimentos en saneamento e do esforzo levado a cabo no últimos cinco anos", o que permitira mellorar a calidade das augas e mantela constante o tempo suficiente.

Máis sobre Vilagarcía de Arousa