A policía vixía os locais de hostalería para ver que se cumpren as medidas
Patrullas da Policía Local e Autonómica vixían desde o venres os locais de hostalería de toda Galicia. Intentan controlar que se cumpren as medidas de seguridade esixidas para a reapertura do sector. Principalmente a distancia entre clientes, o uso de máscara, e a limitación da ocupación.
"Veñen tres ou catro veces ao día. E non multan, dinlle á xente, igual que o dicimos nós, que teñen que poñer as máscaras", di un hostaleiro.
É nas terrazas onde os axentes están atopando os maiores problemas. En Ponteareas, por exemplo, ningunha das 25 que inspeccionaron durante a fin de semana respectaba a normativa. Moitos hostaleiros din que por descoñecemento.
"Eu pensei que era coma antes, coma a vez anterior. Seino porque me informou onte a policía", comenta unha hostaleira de Ponteareas.
Polo momento a policía informa e advirte das infraccións; pero a partir do día cinco haberá multas para quen non cumpra.