CRTVG

Buscar

A Policía Nacional detén 18 persoas e incáutase dunha tonelada de cocaína impregnada nos cartóns de caixas de froita

Publicado o 13/05/2020 18:02

A Policía Nacional detivo 18 persoas e incautouse dunha tonelada de cocaína que estaba impregnada nos cartóns de caixas de froita. A macrooperación desenvolveuse en España, Bulgaria, Países Baixos e Colombia. Entre os arrestados está o ex-futbolista colombiano Edwin Congo. 

A policía investigaba desde hai un ano un médico alcumado o Cirurxián que tiña antecedentes por tráfico de drogas e que usaba a súa clínica para manter contactos con narcotraficantes. En xaneiro soubo que se preparaba un envío grande de cocaína, e puxo en marcha a operación internacional que rematou esta semana coa detencion de nove persoas en España, catro en Bulgaria, tres en Holanda e dúas en Colombia.

A banda tiña a base de operacións en España, e enviaba a droga desde Colombia, onde estaba o líder. A cocaína viaxaba a Europa impregnada entre as capas superpostas de papel das caixas de cartón en que exportaban piña e lima. Cada caixa contiña menos de cen gamos de droga. A extracción facíase nos Países Baixos a través dun complexo proceso químico, e despois distribuíase a diferentes países de toda Europa.

O ex-futbolista do Real Madrid Edwin Congo, detido por supostos contactos co líder da banda, foi posto posto en liberdade coa obriga de presentarse ante o xuíz cando o cite.


 

Noticias web

13/05/2020