CRTVG

Buscar

A policía investiga verteduras ilegais de pneumáticos en Poio

Publicado o 30/01/2019 14:40

A Policía Local de Poio investiga varias verteduras de pneumáticos en distintas zonas do concello. Os axentes da Policía Municipal de Poio contaron máis de 150 pneumáticos que algún desaprehensivo tirou en tres puntos.

Un deles é o rego próximo ao Camiño da Bouza, situado entre o corredor que enlaza coa estrada de Vilagarcía e o mosteiro.

A Policía Local anda coas pescudas para determinar de onde viñeron as rodas e a persoa responsable das verteduras.

No rego de Vilariño permanecen varias ducias de rodas vellas de caucho dun total dunhas 150 que a Policía Municipal descubriu en tres zonas do concello de Poio.

Nunha toxeira privada en Vilariño e á beira dun camiño no Pereiro-Casalvito localizaron verteduras coma esta. Asumen que determinar a prodecedencia destes residuos non é tarefa doada.
Antonio Duarte, xefe da Policía Local de Poio: "É complicado localizar quen fixo as verteduras. Cren que poden proceder dalgún taller da zona que para aforrar o custo do tratamento tirounos".

Esta acción tería a cualificación de delito ambiental e implicaría unha sanción económica cuantiosa. Dáse a circunstancia de que hai case un ano tamén houbo en Poio unha vertedura de pneumáticos. A policía segue coas pescudas á procura de quen o fixo.


 

Noticias web

30/01/2019