CRTVG

Buscar

Intensifican os controis para evitar desprazamentos inxustificados esta fin de semana

Publicado o 27/03/2020 21:12

Non hai escusas para coller o coche se non é necesario.

A Policía e a Garda Civil identifican os condutores para evitar desprazamentos non xustificados. Máis agora, ás portas da fin de semana por se alguén ten a tentación de pasala fóra.

As forzas de seguridade do Estado farán uns dez mil controis en toda España para evitar desprazamentos inxustificados durante a fin de semana, uns controis que xa se iniciaron nalgunhas cidades galegas na tarde do venres.

Teresa Ramos, policía, di que son medidas que se están adoptando para esas persoas que van facer viaxes non xustificadas, que non tomen "determinadas decisións insolidarias". "Nós temos que disuadilos dese tipo de viaxes", engade.

Os controis faranse durante toda a fin de semana, especialmente nas saídas das grandes cidades pero tamén se estenderán ás vilas pequenas, e mesmo ás zonas rurais.
As forzas de seguridade lembran que estamos en estado de alarma e que quebrantalo pode implicar sancións económicas que van entre os cen e os trinta mil euros.

"Hai un montón de sancións, que usamos despois de moitos avisos e apercibimentos", di Teresa Ramos.

A fin de semana pasada, as forzas da orde denunciaron catro mil condutores en toda España que viaxaban sen ter por que.

 

 

Noticias web

27/03/2020