CRTVG

Buscar

A policía alerta da que están a circular billetes simulados de 5, 10, 20 e 50 euros

Publicado o 05/12/2019 14:02

Os donos dun restaurante de Mazaricos, dous mozos que levan á fronte do negocio un ano, xa saben o que significa que che coloquen un billete que non ten o valor que representa. Pasoulles con un que algún cliente lles deu por vinte euros e que descubriron que só era un papel moi parecido ao billete auténtico cando eles pasaron pola caixa.

Samuel Fernández, irmán da propietaria explica que "fomos pagar un día ao supermercado próximo e díxonos a propietaria que era falso. E démonos conta porque ao billete faltábanlle bastantes detalles. Fáltalle a liña do medio, a cor é distinta..."

O billete tampouco ten a banda vertical prateada, non ten os dous contrastes de imaxe, nin a sinatura... Ademais ten unha lenda, de letra pequena en inglés, que informa de que o billete carece de valor e que se usa para actividades promocionais.
Samuel di que llo puideron coar calquera día de moito traballo. Recoñece que van adoptar medidas, porque ata agora non comprobaban a autenticidade dos billetes. "Ai, a partir de agora, si. Xa escarmentamos. -Que métodos tes agora para determinar se é auténtico ou non? -O bolígrafo e senón, os raios ultravioleta".

Mentres non lle chegan os medios de comprobación, aquí xa miran máis os billetes cos que pagan, sen esquecer que o que a eles lles pasou con un de 20 tamén pode suceder con un de 5, de 10 ou de 50. Neste caso non presentaron denuncia e consideran o suceso unha anécdota. "Gardarémolo de lembranza do primeiro ano que levamos co restaurante", di Samuel Fernández.

En Boiro un particular acudiu onte á Policía Local para contar que tamén sufrira o engano cun billete simulado de dez euros e en Ribeira pasou o mesmo esta semana con dous billetes de 50 en dúas carnicerías.
 

Noticias web

05/12/2019