CRTVG

Buscar

A pesar do temporal, o marisqueo non se detén

Publicado o 19/12/2019 14:41

A pesar das malas condicións meteorolóxicas está sendo a mellor campaña que se lembra na confraría. Desde que comezou o ano facturáronse na lonxa de Noia máis de 20 millóns de euros, 18 deles na campaña iniciada no mes de setembro. Estes días previos ao Nadal é cando máis beneficio poden dar a ameixa e o berberecho, así que o 80 por cento dos mariscadores saíron faenar hoxe aínda con mal tempo. A media mañá, a maior parte deles chegaban a porto satisfeitos.

A falta de coñecer os datos de hoxe, na xornada de onte o prezo do berberecho andou entre os catro euros o máis modesto ata os case 23 o de primeira categoría. A ameixa xaponesa chegou aos 12 euros e medio, a babosa pagouse entre os 25 e os 34 euros e a fina entre os 33 e os 94. Prezos que permitiron unha facturación nesta lonxa de 150.000 euros.

A principal preocupación agora para eles é a baixada da salinidade no mar, a causa das chuvias. Calculan que nuns días chegará á ría gran cantidade de auga doce que podería causar a mortaldade de entre un 10 e un 20 por cento da produción.

Noticias web

19/12/2019