CRTVG

Buscar

A pensión media sobe un 2,5 % en febreiro en Galicia, ata os 855,89 euros

Publicado o 25/02/2020 11:07
A pensión media sobe un 2,5 % en febreiro en Galicia, ata os 855,89 euros

A pensión media subiu en Galicia un 2,5% en febreiro en relación co mesmo mes do ano 2019, polo que alcanzou os 855,89 euros, despois de que o Goberno aprobase para 2020 unha revalorización do 0,9 %.

Segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o número total de pensións na Comunidade galega situouse en 767.141, o que representa un incremento do 0,2 % con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Por provincias, a pensión media situouse en 900,56 euros na Coruña; 762,54 en Lugo; 740,63 en Ourense e 896,60 en Pontevedra.

No conxunto da Comunidade, 69.773 foron pensións por incapacidade permanente (cun importe medio de 891,18 euros); 480.890 prestacións por xubilación (cunha contía de 972,66 euros); 186.307 de viuvez (610,20 euros); 23.562 de orfandade (403,99 euros) e 6.609 de favor de familiares (523,52 euros).

Ademais, as pensións con complemento a mínimos foron un total de 230.151 en febreiro, repartidas entre as 86.708 da Coruña; 38.015 en Lugo; 39.926 en Ourense e 65.502 en Pontevedra.

Por outra banda, no conxunto de España a pensión media foi de 1.006,85, mentres que a cifra total destas prestacións elevouse a 9.805.148.