CRTVG

Buscar

O Goberno vai decretar o peche total e que só se traballe nas actividades esenciais

Publicado o 28/03/2020 19:21

• O Consello de Ministros aproba mañá a medida, que se aplicará desde o luns ata o 9 de abril

Os traballadores percibirán o seu salario e recuperarán as horas de xeito espaciado

 

Pedro Sánchez fixo unha comparecencia pública para dar a coñecer as últimas medidas adoptadas polo Goberno en relación á pandemia do covid-19 e falou do tratado no último consello europeo celebrado esta semana.

O presidente lamentou a perda de vidas humanas e dixo que esta catástrofe está poñendo a proba a Unión Europea, que "non pode defraudar os seus cidadáns, Europa non pode fallar".

Sánchez lamentou a lentitude na toma de decisións dos 27 membros da UE, pero dixo que "se Europa quere, Europa pode" garantir os recursos necesarios para combater a pandemia, para blindar os estados membros dos ciberataques e para facilitar o regreso dos cidadáns que están fóra dos seus países.

Para o presidente español, Europa debe respaldar o endebedamento público para que as economías do continente se recuperen co que algúns estados chamaron "novo Plan Marshall". "A Unión Europea debe protexer os cidadáns máis débiles que están a sufrir a epidemia do covid-19".

Todos tratan de aprovisionarse dos mesmos recursos, porque ningún Goberno tiña presente a magnitude da cantidade de recursos que se necesitaban. Sánchez dixo que a pandemia "pon a proba a humanidade".

O dirixente socialista anunciou que "o Goberno aprobará este domingo nun Consello de Ministros unha medida pola que todos os traballadores de actividades non esenciais deberán quedar nas súas casas como sucede durante as fins de semana", e será aprobando un permiso retribuíble que se asignará a todos estes traballadores desde o luns 30 de marzo ao 9 de abril".

Unha vez que remate a situación, os traballadores recuperarán dun modo gradual as horas destas dúas semanas.

• O presidente é consciente da dureza da medida pero considéraa imprescindible