CRTVG

Buscar

A Panorama explica a suspensión da súa xira: "O noso é un espectáculo de aglomeracións"

Publicado o 18/06/2020 14:52

É unha das orquestras con máis seguidores en Galicia, pero este verán a Panorama non subirá ao escenario para actuar.

Lito Garrido, da orquestra Panorama, di que son os máis doídos, pero que tiñan suspendidas o 90 por cento das festas ás que ían asistir, e que tiveron tomar a decisión. 

A formación anuncia a cancelación da súa xira, malia que a Xunta autoriza a celebración de verbenas dende o 1 de xullo. Din que os protocolos aos que obriga a crise sanitaria do coronavirus son incompatibles co seu espectáculo, que habitualmente reúne moita xente.

Garrido explica que "a Xunta permite celebrar as verbenas baixo medidas de seguridade, e nós non queriamos influír, pero o noso é un espectáculo de aglomeracións, de cóbado con cóbado".

Ese cóbado con cóbado non poderá ser este verán, pero a súa parada, din, valerá a pena.

"Valerá a pena, hai que ser consecuente para saír desta situación, e sobre todo que non morran as festas, se poden traballar algunhas orquestras pequenas, mellor".

E xa teñen a vista posta na xira do vindeiro ano, cando agardan comezar antes e traballar durante máis temposobre os escenarios. Tamén estarán, segundo explica Lito Garrido, nas redes sociais e na televisión, fóra das verbenas. 

Ata entón, por diante queda un verán con verbenas diferentes, con normas como a acollida máxima de 1.000 persoas, e o público con máscara, separado e de pé.

Noticias web

18/06/2020