CRTVG

Buscar

Falecen nove persoas nunha xornada con máximos da pandemia en Galicia: 12.508 casos activos

Publicado o 17/01/2021 21:04

• Na Coruña dispárase a incidencia da covid−19 con 337 contaxios

• Increméntase a presión hospitalaria con 51 ingresos máis

• As UCI rozan xa o cento de pacientes

 

 

O Sergas informa do falecemento nas últimas horas de nove persoas en Galicia por coronavirus: dous homes hospitalizados en Santiago, de 74 e de 85 anos; outros dous ingresados en Ferrol, de 84 e de 88 anos; un home de 94 morría no Hospital de Coruña, onde falecía tamén unha muller de 93 anos; un home de 92 faleceu no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, e unha muller de 78 anos no Hospital de Pontevedra. A última das falecidas é unha muller ingresada en Vigo, que era usuaria da Residencia Paz y Bien de Tui. A cifra tráxica de falecidos en Galicia desde o comezo da pandemia sitúase así en 1.512 persoas vítimas do coronavirus desde marzo.

Os datos que facilita o Sergas indican que a preocupación pola pandemia en Galicia non deixa de medrar. Ás 18:00 horas do sábado son 12.508 as persoas que manteñen a infección activa, o cal supón manter o incremento de 800 (+842) respecto da xornada anterior.

Hai un lixeiro descenso de contaxios diarios, 1.244, case un cento menos de positivos que o venres. Deles, 1.124 diagnosticáronse por PCR. O número de PCR que detectan infectados móvese en cifras das xornadas anteriores. Apenas un descenso de 11 contaxios. Hai que ter en conta que o número de probas diagnósticas deste tipo, as máis fiables das realizadas, experimenta un descenso: son 9.509 por 10.132 a véspera. A positividade é do 12,2 por cento.

Peor dato ofrece a presión asistencial, con 557 persoas (+51) ingresadas nos hospitais galegos en planta. Nas unidades de críticos UCI son 98 os pacientes, con sete máis que o día anterior. A evolución é preocupante. Son así máis de 650 os galegos que están ingresados nos hospitais.

Situación por áreas sanitarias 

Na Coruña dispáranse os contaxios, con 337 diarios (+76). Supera por primeira vez os tres mil casos activos esta área (3.129). En xeral, non hai grandes variacións respecto aos datos do venres, con incremento de infeccións activas, agás en Lugo e unha certa estabilización en Pontevedra, cun caso menos. Vigo e Santiago mantéñense por riba das 2.200 persoas coa infección activa. E Ferrol reduce á metade os contaxios diarios diagnosticados por PCR, que pasan de 140 a 70 nas últimas horas.

Os positivos diarios baixan tamén lixeiramente na área sanitaria de Ourense. No resto hai subas en todas en maior ou menor medida.