CRTVG

Buscar

A pandemia no continente americano: Os Estados Unidos superan os 130.000 mortos

Publicado o 07/07/2020 07:42
A pandemia no continente americano: Os Estados Unidos superan os 130.000 mortos

Os Estados Unidos alcanzoron este luns a cifra de 2.931.142 casos confirmados de covid-19 e a de 130.248 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.

Este balance ás 20:00 hora local (00:00 GMT do martes) é de 54.999 contaxios máis que o domingo e de 357 novas mortes.

A cifra de casos diarios volveu superar os 50.000, arrastrada polos brotes en estados do sur e do oeste como Florida, Texas, California, Arizona e Xeorxia, tras unha fin de semana en que se reportaron menos contaxios.

México rexistra 480 decesos e 4.902 casos nas últimas 24 horas

México informou este luns de 480 novos decesos e 4.902 infectados máis de covid-19, para acumular 31.119 defuncións e 261.750 casos desde o comezo da pandemia o pasado 28 de febreiro.

As infeccións de coronavirus rexistradas durante as últimas 24 horas reflectiron un incremento porcentual do 1,9 % en comparación cos 256.848 casos acumulados do día anterior, de acordo co informe técnico presentado nunha conferencia de prensa no Palacio Nacional.

Cos 480 últimos falecementos, as defuncións aumentaron un 1,5 % con respecto á cifra de 30.639 decesos da véspera, indicaron as autoridades.

Colombia acumula 120.281 casos e 4.210 mortes en catro meses de pandemia

Colombia informou este luns doutros 3.171 casos de coronavirus, co que acumulou 120.281 contaxios xusto o día en que se cumpren catro meses desde a confirmación do primeiro infectado.

O primeiro caso de COVID-19 no país foi detectado o pasado 6 de marzo e desde entón a pandemia vai en aumento, con especial incidencia en Bogotá e os departamentos da rexión caribeña, que teñen a maior cantidade diaria de infectados e falecidos.

Segundo o Ministerio de Saúde, este luns houbo en Colombia 146 mortes por covid-19. Esta cifra eleva a 4.210 as defuncións, mentres que con 2.489 novos recuperados a cifra total de curados ascende a 50.370. Dos 120.281 contaxios nacionais, 65.459 seguen activos, é dicir o 54,4 %.

O Brasil excede os 65.000 falecidos, con 620 o último día

O Brasil, o segundo país máis azoutado pola pandemia despois do Estados Unidos, sumou 620 falecidos por covid-19 no último día, e con iso o balance total de mortes ascendeu ata as 65.487, informou este luns o Goberno. O número de contaxios sitúase en 1.623.284, tras rexistrar 20.229 novos casos confirmados nas últimas 24 horas, de acordo co boletín diario divulgado polo Ministerio de Saúde.

O Brasil, epicentro latinoamericano da pandemia e un dos focos activos no mundo, rexistra unha taxa de mortalidade de 31,2 decesos por cada 100.000 habitantes.

Bolsonaro sométese a nova proba de covid-19 e saberá o resultado este martes

O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, someteuse este luns a outra proba de diagnóstico do novo coronavirus, a cuarta desde que comezou a crise sanitaria e cuxo resultado se coñecerá este martes, informaron fontes oficiais.

"O presidente Jair Bolsonaro realizou na noite de hoxe un test de COVID-19 nun hospital de Brasília. O resultado sairá este martes", indicou a Presidencia do Brasil nun comunicado.

Segundo a nota, o mandatario presenta, "neste momento", un "bo estado de saúde" e "está na súa residencia", aínda que segundo CNN Brasil, o presidente chegou a ter "febre de 38º C", que é un dos síntomas da enfermidade.

A Arxentina suma 2.632 casos e rexistra o seu récord de mortes con 75

A Arxentina sumou este luns 2.632 novos casos de coronavirus, polo que acumula 80.447 desde o inicio da pandemia, e rexistrou 75 falecidos máis pola enfermidade, o cal supuxo un novo récord, e xa totaliza 1.582 mortes, informaron as autoridades sanitarias.

O foco principal de contaxios continúa na área Metropolitana de Bos Aires (AMBA), formada pola capital, que rexistrou segundo o Ministerio de Saúde 995 novos casos, e un amplo cordón urbano xestionado pola provincia de Bos Aires, que tivo 1.476 positivos.