CRTVG

Buscar

A pandemia da covid-19 supera os dous millóns de falecidos no mundo

Publicado o 15/01/2021 20:09
A pandemia da covid-19 supera os dous millóns de falecidos no mundo

As mortes por covid-19 en todo o mundo alcanzaron este venres os 2 millóns, segundo o reconto independente da Universidade Johns Hopkins. Segundo a devandita recompilación de datos, o número de falecidos por coronavirus situouse en 2.002.468, mentres que o de casos confirmados está en 93.518.182. 

Estados Unidos mantense como o país máis golpeado pola pandemia, con 23,3 millóns de casos e 390.195 falecidos, seguido na incidencia pola India, con 10,5 millóns de positivos confirmados e 151.918 falecementos. 

En canto a vítimas mortais da enfermidade, con todo, Brasil ocupa o segundo posto mundial, con 207.095 decesos, mentres que os casos no xigante suramericano ascende a 8,3 millóns. 
O cuarto país do mundo con máis falecidos, segundo estes datos, é México, con 137.916, seguido polo Reino Unido (87.448), Italia (81.325), Francia (70.088), Rusia (63.558), Irán (56.521), España (53.314) e Colombia (47.491).     

A Organización Mundial da Saúde (OMS) considera que pese ao aumento incesante de casos en todo o mundo, en todos os países as sociedades parecen baixar a garda e "non están a facer o suficiente" na loita contra a pandemia. 

As altas cifras "poderían deberse nunha pequena parte á aparición de variantes (máis contaxiosas) do virus, pero en gran medida ocorreu porque estamos a reducir o distanciamento físico e social", advertiu o director de Emerxencias Sanitarias da OMS, Mike Ryan.  

O comezo das campañas de vacinación na maior parte dos países coincidiu coa aparición de preocupantes variantes máis contaxiosas do coronavirus en numerosos lugares, como Sudáfrica, Estados Unidos e o Reino Unido. 

Os expertos da OMS seguen considerando á pandemia de coronavirus unha emerxencia internacional, un status que o organismo lle concedeu hai case un ano, o 30 de xaneiro de 2020, antes mesmo de que a enfermidade fose bautizada como covid-19.

Noticias web

15/01/2021