A ourensá Noelia Cacheiro vai debutar como adestradora na primeira división do baloncesto británico
A ourensá Noelia Cacheiro vai debutar como adestradora de baloncesto no Reino Unido. O seu desexo é levar para o equipo xogadoras galegas.
Noelia Cacheiro leva anos compaxinando a súa formación académica co baloncesto. Os últimos catro, na universidade de Newcastle que ten un equipo na máxima categoría, no que Noelia pasa de xogadora a adestradora. E isto é algo pouco habitual, tamén no Reino Unido.
O baloncesto medrou moito no Reino Unido. A selección feminina fixo un gran papel no último Eurobasket.
A Noelia gustaríalle incorporar xogadoras galegas ao seu equipo. A universidade de Newcastle ofrece bolsas de estudos.O seu obxectivo é manter o nivel do equipo na Premier. Ir paso a paso e, se é posible, deixar a súa pegada ourensá no baloncesto británico.