CRTVG

Buscar

A orquestra Panorama cancela a xira deste verán

Publicado o 17/06/2020 21:07

Unha das principais orquestras de Galicia, a Panorama, anunciou este mércores que finalmente cancela a súa xira de actuacións ata o próximo 2021 debido ás restricións que marcan a situación sanitaria.

Deste xeito e a pesar de que a Xunta autorizou a celebración de verbenas desde o próximo un de xullo, a organización explica nun comunicado que a un grupo musical das características de orquestra Panorama lle resultaría moi difícil levar a cabo a súa xira debido a que a maioría de municipios galegos cancelaran a súa contratación.

"Á orquestra Panorama resúltalle “imposible realizar a xira con menos de 15 actuacións", pois non lle serían rendibles.

De igual forma tamén rexeitan organizar un espectáculo con menos xente no escenario para non competir con outro tipo de dúos ou tríos que tamén animan outras festas galegas. De feito animan a que se celebren festas nas vilas galegas e valoran o “xesto” da Xunta de Galicia ao permitir a celebración das mesmas debido a que o sector ao que pertencen foi “un dos máis danados pola pandemia”.

Ademais, sosteñen, "o noso espectáculo, nas condicións que se podería realizar hoxe en día, non sería o noso espectáculo, pois o fervor e a entrega do noso público son vitais para o desenvolvemento do mesmo".

Por todo iso, desde a organización musical anuncian que atrasan a súa xira ata o ano próximo, de forma que se a situación sanitaria o permíte, a orquestra Panorama volverá soar nos seguintes entroidos.

Noticias web

17/06/2020