CRTVG

Buscar

A oposición di que o discurso de Feijóo está baleiro

Publicado o 01/09/2020 15:12

Tras o discurso de Feijóo, o BNG e o PSdeG afirmaron que non ten propostas novas para Galicia. Todo o contrario do que o opina o PPdeG, que o cualificou de acaído.

Ana Pontón: "Necesitamos que as persoas teñan certezas"

A líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón, remarcou o compromiso do BNG por "erguer este país" dando solucións ás "incerteza e ao medo" da cidadanía.

"Dixemos desde o principio que a crise necesitaba acordos de país. Agora Feijóo colle o guante que en marzo lanzou o BNG", dixo Pontón. Con todo, pide respostas ao presidente en funcións, entre elas por que "Galicia ten a peor taxa de rastrexos de todo o estado español" ou por que se pechou a Mariña con 100 casos e agora "noutras áreas sanitarias, como A Coruña ou Lugo, onde os casos está disparados, pasan semanas sen que se tome ningunha decisión".

Pontón incidiu na tardanza na planificación da volta ao colexio e afeoulle que chegase a setembro cos deberes sen facer. "Feijóo puido reducir ratios e non o fixo, contratar máis profesorado e non o fixo, puido sentarse e consensuar coa comunidade educativa un protocolo e non o fixo", asegurou Pontón.

Caballero: "Coincidimos na necesidade dos acordos e o diálogo"

Pola súa banda, o líder do PSdeG Gonzalo Caballero coincidiu na necesidade de diálogo e acordos, pero afeou un "discurso baleiro" e "sen propostas concretas". "Despois de dúas horas de intervención non hai compromiso, medidas, plan de acción que nos permita estar tranquilos", aseverou Caballero.

O voceiro socialista prometeu que o seu grupo vai "traballar nunha lexislatura tan complexa para poder encher de contidos o discurso baleiro do candidato á presidencia da Xunta", quen "fixo algunhas promesas qu xa prometeu hai catro anos".

Noticias web

01/09/2020