A oposición denuncia falta de marxe nas restricións e "opacidade" no relativo aos rastrexadores
Sobre como se toman as decisións para frear a pandemia falaron os grupos políticos no Parlamento. BNG e PSdeG cren que o peche perimetral das cidades se fixo sen marxe suficiente para que a administración e a hostalería se puidesen organizar. Desde o PP aseguran que a medida foi ben acollida por todos os alcaldes.
Opacidade na información dos rastrexadores
Os grupos da oposición no Parlamento -BNG e PSdeG- denunciaron este luns a "opacidade" coa que, entenden, opera a Xunta ao "ocultar" o número de rastrexadores cos que se conta na comunidade autónoma.
En conferencia de prensa, os mandatarios de ambos os partidos denunciaron a actitude do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que esta fin de semana, alegan, negouse a dar a coñecer o número de persoas que traballan como rastrexadores na comunidade aínda que asegurou que son "os necesarios".
A voceira nacional do BNG e líder da oposición Ana Pontón criticou en declaracións á prensa que aínda nun momento complicado como é o "inicio da segunda onda" da Covid-19, o Goberno galego está "instalado na opacidade", negándose a ofrecer o número de rastrexadores que operan en Galicia.
Todo iso, dixo, a pesar de que Galicia teña as "peores cifras" en canto á localización dos casos.
Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que as declaracións do conselleiro son unha "irresponsabilidade e unha falta de respecto" por tentar "ocultar" información á cidadanía.
En opinión de Caballero, o que esconde esta decisión é un abandono da Atención Primaria en que falta persoal sanitario.
Respecto á falta de comunicación da Xunta cos partidos da oposición, tanto Pontón como Caballero criticaron que ao longo desta segunda onda da pandemia, o presidente galego non se puxo en contacto con eles en ningún momento.
As comunicacións da Xunta coa oposición, segundo desvelaron, limítanse a conversacións do conselleiro de Sanidade cos portavoces do ramo de cada grupo para trasladar "algunha información".