CRTVG

Buscar

A OMS recomenda a máscara para os nenos a partir dos 12 anos

Publicado o 23/08/2020 15:01

Levan meses familiarizándose cun virus que tamén lles cambiou a vida. Practicaron a lavar as mans máis ca nunca, a xogar de lonxe cos amigos cos que antes compartían apertas e moitos deles xa se afixeron a non saír da casa sen poñer a súa máscara. Con todo, a Organización Mundial da Saúde non recomenda usalas ata despois dos doce anos, entre outros motivos porque é difícil garantir que poidan poñela e quitala correctamente eles sós.

Os adolescentes, que segundo a OMS poden ter un papel máis activo na transmisión ca os cativos, si deben empregala nas mesmas situacións ca os adultos. En España, o uso obrigatorio está estipulado a partir dos 6 anos. Varias comunidades contemplan esixila dentro das aulas a partir desta mesma idade, que a OMS só valora en zonas cunha transmisión intensa do virus.

Na guía publicada esta semana pola organización xunto con Unicef, insisten en que non se debe obrigar os máis pequenos a usar a máscara e que aqueles menores de cinco anos que por algún motivo a teñan posta, deben ter supervisión constante.

Noticias web

23/08/2020