CRTVG

Buscar

A OMS advirte de que o coronavirus non mata só anciáns

Publicado o 18/03/2020 22:09

A pandemia de coronavirus superou a barreira dos 200.000 infectados e 8.000 mortos en todo o mundo. Italia contabiliza xa preto de 3.000 falecidos e informa de que o 8% dos infectados no país son persoal sanitario. E a Organización Mundial da Saúde advirte: o COVID-19 non mata só anciáns. Entre as vítimas mortais hai un número significativo de persoas novas.

Francia instaura o estado de emerxencia sanitaria. E en Alemaña Angela Merkel pide a colaboración cidadá ante o que cualifica como o maior desafío desde a II Guerra Mundial.

Outros países reacios a tomar medidas preventivas cambian de estratexia ante a propagación do virus. Boris Johnson anuncia o peche dos colexios no Reino Unido desde o venres. Só poderán seguir indo á clase os fillos de traballadores esenciais como sanitarios, policias ou repartidores de alimentos. Ademais, Johnson pide non deixar os nenos cos avós e recomenda non ir a lugares públicos con moita xente.

Nos Estados Unidos, Donald Trump aceptou a petición do seu veciño do norte e anunciou o peche temporal da fronteira co Canadá. Cuba rexistrou o primeiro falecido por COVID-19, un turista italiano. E comezou a evacuar o transatlántico británico que ten cinco persoas infectada e corenta illadas con síntomas.