CRTVG

Buscar

A Oficina do Peregrino axúdase das novas tecnoloxías para evitar aglomeracións

Publicado o 18/08/2020 15:01

Evitar as colas e as aglomeracións e cumprir as recomendacións sanitarias: ese é o principipal obxectivo da Oficina de Acollida ao Peregrino co desenvolvemento do sistema en liña que busca facilitar aos camiñantes o proceso de obtención da Compostela.

O sistema funciona de maneira moi sinxela. Os datos persoais que se facilitan no momento de recibir a acreditación poden rexistrarse de maneira previa a través da web da oficina do peregrino.

Para axilizar as esperas e a atención e garantir ao máximo a seguridade dos viaxeiros, unha vez cheguen ao edificio, os peregrinos deben retirar un tícket que contén un código QR mediante o que poden consultar o estado da fila en tempo real, de maneira que poden calcular o momento en que deben presentarse na oficina, evitando tempos de espera.

O sistema leva operativo mes e medio e todos os peregrinos coinciden en que é unha ferramenta moi cómoda, que facilita moito os tempos e lles proporciona seguridade. 

Durante o mes de xullo recolleron a Compostela algo máis de 9.000 peregrinos, unha cifra moi baixa con respecto a anos anteriores.

Aínda así, dende a Oficina do Peregrino son positivos e aseguran que nas últimas semanas están a recibir máis xente da que esperaban, dadas as circunstancias que se están a vivir este verán. 

 

Noticias web

18/08/2020