CRTVG

Buscar

A ocupación achégase ao 85% no sector turístico en Semana Santa

Publicado o 22/04/2019 20:24

A Semana Santa deixa en Galicia bos resultados no sector turístico. Calculan que a ocupación acadou valores próximos ao 85%, unha porcentaxe superior a anos anteriores. Nalgúns lugares, chegou ao 100%.

A combinación dunha ampla oferta e o bo tempo están detrás dos datos positivos do turismo durante esta Semana Santa en Galicia. O sector fai agora balance e, malia que aínda non dispón dos datos definitivos, na Consellería de Cultura e Turismo adiantan que se cumpriron as expectativas máis optimistas. 

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo: "Estamos ante uns datos de ocupación dun 80-85%, nalgunhas zonas cun pleno do 100%, como Viveiro e Ferrol... E na Ribeira Sacra, polo pulo da recente declaración da Unesco, pois tamén do 100%".

Estes datos, segundo a Xunta, confirman a tendencia positiva do sector e a desestacionalización do turismo.

Román Rodríguez. conselleiro de Cultura e Turismo: "Cada vez máis hai unha desestacionalización do turismo, o que posibilita que haxa un emprego máis estable e de maior calidade no conxunto do país. Estamos a falar de 110.000 postos de traballo e a xente vén a Galicia, porque cada vez temos unha oferta máis diversificada".

Bos datos tamén canto ao número de peregrinos. Na última semana máis de 14.000 persoas recibiron a compostela, un 61% máis que o ano pasado por estas datas. Máis da metade chegaron do estranxeiro.

Noticias web

22/04/2019

Máis sobre actualidade