CRTVG

Buscar

A neve dificulta a circulación nas estradas galegas

Publicado o 05/12/2020 12:35

A circulación está a ser complicada este sábado polas estradas galegas como consecuencia da neve, aínda que caeu con menos intensidade que o venres. Os equipos de emerxencia traballan para garantir a seguridade. As incidencias acumuladas desde as oito da tarde do venres superan as 400, a maioría por placas de xeo e tamén por caída de árbores nas estradas.

A neve tamén cobre os cumios da provincia de Ourense provocando problemas de circulación sobre todo na zona de Maceda. A Garda Civil tivo que regular o tráfico na nacional 536 entre o alto do Couso e o alto do rodicio, debido ás fortes nevaradas que se rexistraron tanto pola noite coma durante esta mañá. Tamén hai dificultades para acceder a varias aldeas de Maceda pola neve acumulada. Ademais, Tráfico prohibe a circulación de camións ou vehículos pesados na OU-122, en Carballeda de Valdeorras. A montaña de Ourense atópase en aviso amarelo por acumulación de neve. 

Os equipos de emerxencias seguen a traballar arreo para garantir a seguridade nas estradas. A neve, as placas de xeo ou a caída de árbores están a ser as causantes de boa parte das incidencias. Polo de agora xa se rexistraron máis de 400; 109 na provincia de Pontevedra. En Dozón houbo diversos incidentes, entre eles, o caso dun home que se botou da vía por mor da neve. En xeral, non houbo que lamentar danos persoais. Con todo, o 112 Galicia pídelles aos condutores que eviten os desprazamentos innecesarios. 

A provincia máis afectada é a de Lugo, seguida da de Pontevedra. Ningún dos incidentes causou danos persoais, pero si moitos particulares viviron momentos de agobio por saídas de vía con neve coa presenza de servizos sanitarios, de rescate e da Garda Civil en distintos puntos. Houbo problemas nalgúns lugares pola falta de subministración eléctrica. E un particular alertou o 112 dun derrubamento de pedras grandes sobre a N-120, en Melias, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar. As pedras ocupaban os dous sentidos de circulación, polo que ata o lugar se desprazaron axentes de tráfico, de mantemento das vías, os bombeiros de San Cibrao e o XES do Pereiro.

O 112 fixo un chamamento aos condutores para evitar desprazamentos na medida do posible mentres non melloren as condicións meteorolóxicas.