CRTVG

Buscar

A nécora alcanza os prezos máis altos un mes e medio despois de comezar a campaña

Publicado o 13/08/2019 14:39

A frota da nécora capturou desde o 1 de xullo cerca de 33.000 quilos, unha cantidade case idéntica ao ano pasado. Pero as sensacións varían en función da zona: mentres en Burela as capturas aumentaron un 64% noutras zonas como o Grove baixaron. En dous días, Samuel colleu seis ou sete quilos. "Xullo e agosto non son os mellores meses. Faise unha selección moi importante e os exemplares que se collen son de boa calidade. Hai outras especies vedadas -como o choco e o centolo- e a frota ten que ter algunha alternativa", di Samuel Vázquez, vicepatrón da Confraría do Grove.

A nécora non ten tope e cada lancha pode levar un máximo de 75 nasas por mariñeiro e outras 75 por embarcación. Hai quen cre que a apertura da campaña é moi cedo. Os que defenden a data botan man da responsabilidade e da rendibilidade. "Anos atrás abría máis tarde pero temos que entender que a frota ten que traballar. Todo iso vai na man do mariñeiro: de escoller, de seleccionar... Hai sitios en que os descartes son do 70%. Agora é o momento de sacarlle un bo rendemento. A partir de setembro baixará á metade", di o vicepatrón.

A demanda do turismo inverte a lóxica: prezos moi elevados nunha época que non é a mellor. "Están sendo bos prezos. Desde 40 ou 45 euros e na ponte un pouquiño máis, sobre 50-56 euros a máis grande. Nós o prezo mínimo que temos é de 12 euros".

A nécora estará aberta seis meses, ata principios de xaneiro.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2019