CRTVG

Buscar

A nai da vítima do crime da Esmorga pide xustiza: "Non tiveron piedade"

Publicado o 26/04/2019 15:59

Xornada importante hoxe no xuízo polo crime da Esmorga, que se está a desenvolver na Audiencia Provincial de Ourense. Declarou a nai da vítima. A muller dixo antes de entrar na vista que xa era hora de que se fixese xustiza, que levaba máis de catro anos agardando a que os que considera culpables da morte do seu fillo paguen polo que lle fixeron.

É o sentir da nai de Alexandre Walter Boghio, o mozo de 22 anos que apareceu morto no encoro de Albarellos, en Boborás. Ela está convencida de que os dous acusados de asasinato con aleivosía o mataron e o tiraron pola canle do río Viñao. Pide xustiza, di que confía en que máis de catro anos despois poida por fin demostrase a súa culpabilidade.

Entre outras testemuñas moi moi importante o relato do Garda Civil que estivo á fronte da investigación do crime. Asegurou que dende o primeiro momento ao ver o forte golpe que tiña o cadáver pensaron que se trataba dun crime. Tamén manifestou que polos restos atopados no lugar dos feitos a vítima intentou escapar e agarrarse ao valado de protección do canal do río Viñao por onde o tiraron dende unha altura de 7 metros. Desbota que puidera caer.

Lembramos que para os dous acusados, Eduardo López e Óscar Estévez, a fiscalía e a acusación particular piden para cada un 18 e 25 anos de cárcere por un asasinato con aleivosía.

Noticias web

26/04/2019