CRTVG

Buscar

A ministra de Industria anuncia unha ampliación das axudas por emisións de CO2, pero os traballadores continuarán coas mobiizacións porque a continuidade da planta non está garantida

Publicado o 08/10/2019 19:56

A ministra de Industria anuncioulles aos traballadores que o Consello de Ministros da próxima semana vai aprobar unha ampliación das axudas por emisións de CO2, para que poidan cobralas antes de fin de ano. O comité de empresa ve ben a medida, pero considera que non lles deron ningunha solución de futuro, e continúa adiante co seu calendario de mobilizacións.

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao continúan co seu calendario de mobilizacións, xa que consideran que nin a dirección de empresa nin o Goberno en funcións lles garanten a continuidade da planta.

A ministra de Industria en funcións anuncioulles que o Consello de Ministros da próxima semana vai aprobar unha ampliación das axudas por emisións de CO2, e que llas pagarán antes de fin de ano. Pero din que non é a solución.

Xosé Paleo, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, "que aprobarán a ampliación das subvencións para CO2 ao máximo que pediamos as empresas, e que a partir de aí empezarán a pagar esas axudas, que son axudas que non son só para Alcoa, senón para todas as electrointensivas".

Ademais, Reyes Maroto díxolles que se porá en marcha unha mesa de traballo con todas as partes implicadas para facer un seguimento da situación da planta de San Cibrao. Na primeira xuntanza, comprometeuse a explicarlles o contido dese estatuto das electrointensivas que leva meses parado.

Xosé Paleo, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, "descoñecemos que é o que contempla ese estatuto e se iso nos chega para garantir a continuidade da industria do aluminio. De todos modos, seguimos sen unha solución para o ano que vén".

A Xunta comprometeuse cos traballadores a facer canto estea na súa man para garantir o futuro de Alcoa en San Cibrao. Unha planta que representa máis do trinta por cento da riqueza económica da provincia de Lugo.


 

Noticias web

08/10/2019