CRTVG

Buscar

A ministra de Facenda en funcións, disposta a comparecer no Congreso polo impago ás comunidades

Publicado o 27/08/2019 20:14

A ministra de Facenda en funcións está disposta a comparecer no Congreso para explicar por que o Goberno non aproba o teito de gasto de 2020, o que impide aprobar as entregas á conta ás comunidades autónomas; no caso de Galicia, case 700 millóns de euros. Así e todo, a comparecencia non será inmediata, tal e como lle pedía o PP, e non se inclúe no calendario de setembro.

Foron o PP e o Grupo Mixto os que pediron a comparecencia extraordinaria da ministra Montero no Congreso para explicar o atraso na aprobación do teito de gasto e as débedas do Executivo coas autonomías. Todos os grupos apoiaron que dea explicacións, pero a maioría votou en contra de que sexa unha comparecencia extraordinaria, inmediata. O PP e Ciudadanos acusaron o Executivo de abandono de funcións.

Marcos de Quinto, Ciudadanos: "Resulta evidente o incumprimento do Goberno. O noso grupo entende que non hai escusa que sirva para este abandono de funcións".

Marcos Garcés, Partido Popular: "Alguén vai crer que para garantir o normal funcionamento do país non se poden liberar as entregas á conta das comunidades autónomas? Coa súa parálise orzamentaria están condenado á parálise as comunidades autónomas".

O PSOE responsabiliza os grupos que non apoiaron os presupostos da situación, e argumenta que estando en funcións non pode facer nada.

Patricia Blanquer, PSOE: "Cuns novos presupostos hoxe estarían liberados en favor das comunidades autónomas 2.500 millóns do cambio da normativa do IVE. Todas estas cuestións evidentemente non pode facelas un goberno en funcións".

A Deputación Permanente do Senado, con maioría absoluta socialista, rexeitou outra comparecencia da ministra Montero cos conselleiros de Facenda das comunidades para abordar o asunto.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/08/2019