CRTVG

Buscar

A metade dos españois afirma que non podería vivir sen Internet no seu móbil

Publicado o 12/03/2019 20:16
A metade dos españois afirma que non podería vivir sen Internet no seu móbil

A metade dos españois afirma que non podería vivir sen Internet no seu móbil, o medio que usan 9 de cada dez para conectarse á Rede. Son datos da última Enquisa de Usuarios de Internet que revela unha crecente preocupación dos cidadáns polas noticias falsas, as fake news. Un 70 por cento dos enquisados considera que deberían prohibirse, e condenar a quen as difunde.

Informarse a través do teléfono móbil é un hábito cada vez máis estendido. Faino o 80 por cento da poboación, e segundo confirma a enquisa, os cidadáns teñen o mesmo nivel de confianza nas noticias que ven en Internet que nas que atopan, por exemplo, nos xornais impresos.

Pero apréciase un certo reparo cara ás novas que se difunden a través das redes sociais, como Facebook ou Instagram: a metade dos enquisados considéranas menos fiables.

E é que o estudo revela que por primeira vez en España empeza a haber preocupación polas noticias falsas. O 77 por cento dos enquisados cre que son un problema en Internet, e unha cifra similar está a favor de prohibilas e perseguir legalmente os seus creadores.

Polo resto, a enquisa reflicte que se mantén a tendencia dos últimos anos: que a metade dos españois, un 49 por cento, non concibe a súa vida sen Internet no móbil, e que case todo o mundo o consulta varias veces ao día. Para todo, non só para informarse. O 30 por cento dos enquisados asegura, por exemplo, que a maioría das súas compras as fai por Internet, e a través do móbil.

Noticias web

12/03/2019