CRTVG

Buscar

A menor detida polo abandono dun bebé en Arrasate pasará a disposición xudicial

Publicado o 04/03/2019 13:57

Nas próximas horas está previsto que pase a disposición xudicial a menor detida en relación coa aparición dun bebé morto onte ao mediodía en plena rúa da localidade guipuscoana de Mondragón. A moza, de 17 anos, permanece ingresada nun centro hospitalario. Á meniña estanlle a realizar a autopsia.

A declaración da menor de 17 anos, considerada responsable de abandonar o bebé acabado de nacer, permitirá esclarecer as circunstancias do sucedido. Foi un veciño do barrio de Santa Teresa de Arrasate quen o descubriu onte ao mediodía debaixo dun coche e alertou os servizos de urxencias. Aínda tiña restos de placenta. Horas despois, a Ertzainta detiña a muller, que precisou asistencia sanitaria e ingresou no hospital. A Policía Autonómica, con todo, non confirmou oficialmente que sexa a nai. O seu compañeiro sentimental tamén foi localizado e, posteriormente, detido. A autopsia que lle están a realizar á meniña, no Instituto de Patoloxía Forense de Donostia, permitirá determinar as causas exactas da súa morte.

 

Noticias web

04/03/2019