CRTVG

Buscar

A máscara non será obrigatoria para tomar o sol na praia

Publicado o 08/04/2021 04:01
A máscara non será obrigatoria para tomar o sol na praia

Tal e como se esperaba, Goberno e comunidades autónomas acordaron modificar a chamada lei da nova normalidade no apartado que establece a obrigatoriedade da máscara nos espazos ao aire libre.

Na praia non haberá que utilizala no momento do baño e, sempre que se manteña a distancia de seguridade, poderase prescindir dela nos "períodos de descanso" anteriores ou posteriores, é dicir, tombados ou sentados na toalla. Será indispensable cando se acceda ao areal e cando se estea paseando pola beira, como xa o é en Galicia. Nas praias e nas piscinas, nos ríos, nos lagos... Tamén o será nos vestiarios das piscinas e de espazos semellantes que sexan públicos ou comunitarios, agás na ducha.

E para facer deporte individual ao aire libre?

O que se mantén tal e como está na coñecida como lei da nova normalidade é que a máscara non será obrigatoria cando se faga deporte individual ao aire libre. En Galicia si o é e así o defendeu o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Preguntada na rolda de prensa posterior, a ministra Carolina Darias dixo que o conselleiro propuxo modificar a lei e asegurou que "xuridicamente é imposible" facelo "a través dun acordo do Consello Interterritorial". Engadíu que o que si se pode —coma no caso das praias, piscinas, etc.— é chegar a un acordo que "interprete a marxe que nos deixa a lei", que determina que a máscara non será esixible cando, "pola propia natureza das actividades, o seu uso resulte incompatible, con arregro ás indicacións das autoridades sanitarias".