CRTVG

Buscar

A marea vermella obriga a pechar as bateas galegas en case o 90 % das zonas

Publicado o 29/09/2020 14:57

Aproveitan o día para poñer a punto as embarcacións e as bateas. Pouco máis poden facer porque neste momento só hai seis polígonos abertos en toda Galicia. A marea vermella obrigou a pechar o resto, case o 90% das zonas, segundo os datos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Covadonga Salgado, directora de Intecmar: "En agosto empezamos cos primeiros peches. Hai quince días sumáronse máis polígonos e agora está afectando tamén determinadas zonas de moluscos infaunais"

Canto ás zonas de moluscos infaunais, como a ameixa ou o berberecho, están afectadas pola marea vermella arredor do 16%. Aínda que a peor parte lévaa o sector do mexillón. Este ano houbo unha baixa na produción e, ademais, as pezas son de tamaño pequeno, con boa calidade pero menos atractivas para o mercado.

Por iso é importante a mensaxe que envían desde o Intecmar.

Covadonga Salgado, directora de Intecmar: "Que as zonas están moi controladas e que se actualizan os datos ata dúas veces ao día ou máis e, polo tanto, pode haber produto no mercado, que cheguen polas canles establecidas e perfectamente apto para o consumo".

Lembran que hai unha parte da produción capturada antes da chegada da marea vermella que aínda está en fase de preparación e que unha de cada dez zonas continúan abertas.

Noticias web

29/09/2020