CRTVG

Buscar

A mancomunidade do Baixo Miño pide a reapertura de novos pasos fronteirizos

Publicado o 20/05/2020 11:27
A mancomunidade do Baixo Miño pide a reapertura de novos pasos fronteirizos

Os alcaldes da Mancomunidade do Baixo Miño solicitaron a apertura de novos pasos entre España e Portugal, ademais do de Tui-Valença, para uso exclusivo dos traballadores transfronteirizos mentres se manteñen pechados para o resto das persoas.

Segundo explica o Concello do Rosal nun comunicado, a súa alcaldesa, Ánxela Fernández, canda os alcaldes de Tomiño, Tui e A Guarda, analizaron o efecto que ten nos seus municipios o peche das fronteiras polo gran número de persoas que viven nestes concellos e que cada día teñen que viaxar ao país veciño para traballar, e piden medidas de alivio para liquidar a actual situación.

Os rexedores destes concellos lembran que actualmente eses traballadores sofren o dobre os efectos da pandemia ao ter que soportar longas ringleiras para poder cruzar a fronteira cada día tras percorrer distancias de ata 60 quilómetros para chegar ao paso, cando antes do estado de alarma e do peche dos pasos fronterizos chegaban ao seu posto de traballo en cuestión de minutos.

Ademais das molestias que todo iso supón a estes traballadores, os alcaldes destas catro localidades subliñan os custos económicos, que, segundo din, en moitos casos son inasumibles para uns salarios que son baixos.

Por iso, insisten na necesidade de abrir novos pasos fronterizos para estes traballadores e que estes pasos teñan sempre os máis estritos medios de control e seguridade para evitar un paso atrás que supoña regresar ás medidas de confinamento. 

Noticias web

20/05/2020