CRTVG

Buscar

A maior sementeira de ourizo en Galicia

Publicado o 03/08/2020 14:54

No criadeiro de Portomuíños collen os exemplares que van ser depositados no fondo mariño. Os ourizos miden un centímetro e medio de diámetro. Son delicados e o seu manexo esixe a mesma delicadeza.

"Facemos unha alimentación con algas, como no medio natural, coidándoos moito. Estou pendente porque hai que levalos ao mar canto antes. Estes están aquí sufrindo", di Antonio Muíños, da empresa Portomuíños.

O traslado realízase en caixas nun camión ata a zona escollida. No porto de Mera os inspectores de Gardacostas controlan o proceso e asínase unha acta. A zona escollida para sementar as 8.000 crías é a península da Torre. O ourizo medra e reprodúcese mellor en colonias. A confraría da Coruña leva seis anos trasladando exemplares adultos doutras zonas.

"Agora levamos 70.000 ourizos en sete días e cremos que podemos trasladar 120.000 ourizos de aquí a que acabe o verán", comenta Joaquín San Miguel, da Confraría da Coruña.

Os ourizos grandes protexen as crías dos depredadores e axudarán á súa fixación. A isto tamén axudará unha rede que se colocou a uns cinco metros de profundidade. 

Revalorización do recurso

Nos últimos 10 anos poucas especies se revalorizaron tanto coma o ourizo. De 3 euros pasou a case 8 euros e medio de prezo medio. No Nadal pasado superou os 20 euros.

"Economicamente é un recurso moi importante. A posibilidade de recuperalo no medio natural ou de crialo en acuicultura sería un acicate económico", afirma Xoán Álvarez, do Servizo de inspección e control de recursos de Gardacostas.

Os produtores saben que a explotación do recurso debe ser sustentable. "Están moi mentalizados de que non todo é extraer. Hai que coller unha cantidade determinada, dun tamaño concreto e só nuns meses", di Felipe Canosa, patrón maior da confraría da Coruña.

En Galicia hai outros proxectos semellantes. O proxecto Ocimer da Universidade de Vigo e a confraría de Cangas prevé repoboar a ría de Vigo con 30.000 crías.

Noticias web

03/08/2020