CRTVG

Buscar

A loita contra a avespa do castiñeiro pódese gañar con outro insecto

Publicado o 03/05/2019 13:38

A avespa do castiñeiro está a causar graves danos nos cultivos e na produción de castaña en toda  Galicia. Para loitar contra a praga, a Consellería do Medio Rural intensificou a solta do único parasito ata o momento capaz de impedir que as avespas se multipliquen. Durante esta campaña liberarán 1,6 millóns de parasitos co obxectivo de evitar a proliferación da praga.

A avespa do castiñeiro detectouse en Galicia no 2014. Trátase dun insecto orixinario da China que ataca as follas dos castiñeiros infectándoos de xeito masivo e provocando a longo prazo unha diminución da produción de castaña.

María Meilán, técnica forestal: "Os síntomas que está a causar nos soutos de castiñeiros de toda Galicia pois é a aparición dunhas bugallas que son coma uns vultiños que aparecen nas follas e onde medran as xeracións de avespiñas. A avespiña cando sae o insecto o que fai é poñer os seus ovos nas xemas dos castiñeiros, entón na primavera seguinte coa brotación do castiñeiro vemos que unha vez que saen algunhas follas empezan a saír tamén as bugallas, que é o sitio onde están os ovos da avespiña".

Para loitar contra esta praga atoparon un aliado no Torymus sinensis, un insecto que parasita as postas das avespas contribuíndo ao control da súa poboación e polo tanto á súa propagación.

María Meilán, técnica forestal: "Pasou xa en Italia hai uns anos e entón viuse que o mellor sistema de combater contra a avespiña era a solta dun parasito que o que fai e que pon os seus ovos nos ovos da avespiña, entón en vez de saír avespiñas pois saen parasitos que seguen o seu ciclo e na seguinte primavera pois saen, seguen parasitando a avespiña".

Malia que a praga se estende por toda Galicia, Lugo e Ourense son as áreas máis afectadas. Durante esta campaña está previsto liberar polos soutos da comunidade 1,6 millóns de parasitos.

Noticias web

03/05/2019